O PSdeG de Folgoso do Courel esixe á Xunta de Galicia que garanta a cobertura da praza médica do centro de saúde de Seoane

RibeiraSacraXa
Acusan ao Goberno galego de abandono sanitario “abandono sanitario” e critica a redución do servizo tras a marcha do facultativo titular
centro-de-saude-seoane-folgoso-do-courel
29 Apr 2026

O PSdeG de Folgoso do Courel advirte da situación da atención sanitaria no municipio e reclamou á Xunta de Galicia que garanta a cobertura da praza médica do centro de saúde de Seoane. A formación fala de “abandono sanitario” e critica a redución do servizo tras a marcha do facultativo titular.

Segundo explica a voceira socialista, María Dalba López, o posto continúa sen cubrir de maneira estable desde a saída do médico, o que provocou unha diminución significativa da atención. Na actualidade, o servizo préstase tres días á semana con xornadas de catro horas, o que suma 12 horas semanais fronte ás 35 que, segundo sinala, deberían estar garantidas.

López reclama ao Goberno galego “unha solución estable” e defendeu a necesidade de adoptar medidas para atraer profesionais sanitarios á zona. “Se é necesario establecer incentivos para facer atractiva a praza e garantir a chegada de profesionais sanitarios ao Courel, a Xunta debe facelo. O que non pode ser é que o rural quede sempre á cola e que a veciñanza pague as consecuencias da falta de planificación do Goberno galego”, afirmou.

A representante socialista tamén acusou ao Executivo autonómico de “normalizar os recortes no rural como se vivir nun concello de montaña implicase ter menos dereitos” e advertiu de que “o Goberno de Rueda está convertendo a falta de médicos nun problema crónico porque non planifica, non inviste e non dá respostas”.

Ademais, denuncia que mesmo cando existe dispoñibilidade de persoal para ampliar a atención, esta non se incrementa. “A Xunta decide manter só tres” días de consulta semanal e, en semanas con festivos, o servizo redúcese aínda máis, chegando a dous días.

Desde o PSdeG sinalan que esta situación responde a un problema estrutural da sanidade pública galega, marcado pola falta de investimento e planificación. “Hai un déficit estrutural de médicos e pediatras, non se garante a remuda xeracional e as substitucións chegan tarde ou directamente non chegan”, apuntou López.

0.12555694580078