O proxecto SoutoLAB impulsa novas xornadas sobre a xestión sostible dos soutos en Valdeorras e Trives

O proxecto SoutoLAB celebrará este mes de xullo unha nova actividade formativa baixo o título "Xestión produtiva dos soutos: multifuncionalidade, resiliencia e oportunidades", unha iniciativa que busca promover modelos de xestión sostible e poñer en valor os soutos como espazos produtivos, ambientais e patrimoniais.
A programación desenvolverase en dúas sesións complementarias. A primeira terá lugar o 17 de xullo, cunha visita de campo ao Souto de Alixo, mentres que a segunda celebrarase o 23 de xullo na Sala de Usos Múltiples do Concello do Barco de Valdeorras, cunha xornada divulgativa centrada en experiencias e modelos de xestión. A asistencia ás dúas actividades será gratuíta ata completar aforo, previa inscrición a través da Fundación Juana de Vega.
A visita de campo do día 17 comezará ás 17.00 horas cunha intervención de Daniel Canosa, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, que abordará o papel dos soutos como infraestruturas verdes para a protección das aldeas e a prevención dos incendios forestais.
Posteriormente, Marcos Reinoso, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, analizará a custodia do territorio como ferramenta para conservar o patrimonio vinculado aos soutos e favorecer o desenvolvemento do ecoturismo. A xornada continuará cun percorrido técnico polo Souto de Alixo para avaliar os efectos dos incendios, coñecer actuacións de restauración postlume, técnicas de rexeneración, manexo silvícola e boas prácticas de xestión.
A sesión técnica do 23 de xullo abrirase cun relatorio de Fran García, coordinador de SoutoLAB, sobre a cultura da castaña como patrimonio vivo. A continuación presentarase a experiencia da Agrupación de Xestión Conxunta de Parada de Sil, da man de Mónica Bizarro e Francisco Magide, representantes da asociación de propietarios dos soutos deste municipio.
A programación completarase cunha conferencia de Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, centrada na multifuncionalidade dos soutos e nas oportunidades que ofrecen estes ecosistemas máis aló da produción de castaña, especialmente a través doutros aproveitamentos complementarios.
O ciclo continuará o 24 de xullo cunha nova xornada na Pobra de Trives, reforzando o obxectivo de SoutoLAB de crear espazos de encontro entre persoal técnico, propietarios e entidades para impulsar a recuperación e valorización dos soutos nas comarcas de Valdeorras e Terra de Trives.
Coordinado pola Fundación Juana de Vega, o proxecto conta coa colaboración dos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, ademais do apoio da Fundación "la Caixa" e da Deputación de Ourense.