O proxecto “Rebrota Silbina” programa cinco rutas para descubrir o territorio Sil-Bibei-Navea

O proxecto “Rebrota Silbina” 2026 mantén abertas as inscricións para o seu novo ciclo de actividades, unha programación que busca dar a coñecer o patrimonio natural, cultural, turístico e gastronómico dos dez concellos que integran o territorio do GDR Sil-Bibei-Navea.
A iniciativa inclúe diferentes propostas de sendeirismo interpretativo, visitas culturais e degustacións de produtos locais, deseñadas para achegar tanto á veciñanza como aos visitantes á riqueza e diversidade desta zona da provincia de Ourense.
O programa estará composto por cinco xornadas que se desenvolverán entre finais de agosto e comezos de outubro. A primeira terá lugar o 29 de agosto, cun percorrido entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso. A seguinte actividade está prevista para o 5 de setembro, entre A Pobra de Trives e San Xoán de Río.
O 6 de setembro será a quenda de Manzaneda e Chandrexa de Queixa, mentres que o 12 de setembro a programación trasladarase a O Castro de Caldelas e Montederramo. O ciclo rematará o 3 de outubro cunha proposta que percorrerá Parada de Sil e A Teixeira.
Todas as actividades serán de balde, aínda que as prazas son limitadas e será necesario realizar inscrición previa para participar.
Con “Rebrota Silbina”, o GDR Sil-Bibei-Navea pretende poñer en valor os recursos naturais, culturais, turísticos e gastronómicos dos municipios que forman parte do territorio, ofrecendo diferentes maneiras de coñecelo e desfrutalo.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro do proxecto de animación do GDR Sil-Bibei-Navea e conta co financiamento do FEADER a través do PEPAC 2023-2027.