O proxecto Re-Habita Rural Lab tramita xa máis de 300 solicitudes para impulsar a rehabilitación de vivendas no rural ourensán

O proxecto Re-Habita Rural Lab xa tramitou máis de 300 solicitudes no conxunto dos nove concellos ourensáns participantes, mentres que o 80 % das consultas recibidas foron atendidas de maneira presencial polo equipo técnico.
A iniciativa nace da colaboración entre Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles, cunha estratexia común para abordar o reto da vivenda no rural, a rehabilitación do patrimonio e a fixación de poboación.
Neste momento, o proxecto pon o foco tamén nas subvencións públicas dispoñibles para rehabilitar e optimizar vivendas, ofrecendo á veciñanza asesoramento para coñecer as diferentes convocatorias e resolver as dúbidas relacionadas coa súa tramitación.
Re-Habita Rural Lab traballa na actualización dos rueiros municipais e na utilización de ferramentas tecnolóxicas para analizar e xestionar o patrimonio rural. Entre os seus obxectivos está a identificación e xeolocalización de vivendas baleiras, dispoñibles ou susceptibles de rehabilitación, coa finalidade de crear un inventario útil e actualizado para os concellos.
O programa tamén ofrece asesoramento técnico, xurídico e financeiro a propietarios, veciñanza e persoas interesadas en activar unha vivenda rural. Neste ámbito, promove diferentes fórmulas para facilitar o aproveitamento de inmobles, entre elas alternativas como o cohousing ou o coliving.
A rehabilitación do patrimonio rural, a mellora da eficiencia enerxética e a recuperación de vivendas e núcleos tradicionais forman parte igualmente das liñas de actuación do proxecto.
A iniciativa incorpora ademais unha perspectiva de xénero, con especial atención ao papel das mulleres no arraigo, na autonomía persoal, na dinamización social e na vida comunitaria do rural.
Re-Habita Rural Lab pretende así transformar vivendas baleiras ou infrautilizadas en recursos útiles para o territorio, facilitando tanto o acceso á vivenda como a chegada de novas persoas poboadores e o desenvolvemento de novas oportunidades vinculadas ao medio rural.
O proxecto combina análise territorial, xeolocalización, inventario dixital, asesoramento técnico e xurídico, participación cidadá e cooperación entre os nove concellos participantes para avanzar cara a un rural máis habitado e con maior capacidade para aproveitar os seus recursos.