O proxecto “Palabra no tempo” impulsado polo CPI Poeta Uxío Novoneyra  recibe o Premio de Innovación Educativa en dinamización lingüística

RibeiraSacraXa
Nesta proposta de dinamización lingüística na que o alumnado actúa como investigador do patrimonio léxico da comarca do Courel, documentáronse ao longo do curso máis de 350 palabras e expresións propias da zona
palabra-no-tempo
27 May 2026

O proxecto “Palabra no tempo”, desenvolvido no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, foi recoñecido co Premio de Innovación Educativa en dinamización lingüística, segundo a resolución publicada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia.

A iniciativa figura entre os cinco proxectos seleccionados con mención de excelencia en toda Galicia dentro da convocatoria dirixida a centros públicos para o curso 2025/2026.

O recoñecemento inclúe unha dotación económica de 2.000 euros para o centro educativo, así como a certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para o profesorado participante. Ademais, o proxecto será difundido a través das plataformas da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

“Palabra no tempo” é unha proposta de dinamización lingüística na que o alumnado actúa como investigador do patrimonio léxico da comarca do Courel. Ao longo do curso, o estudantado documentou máis de 350 palabras e expresións propias da zona, algunhas delas en risco de desaparición debido ao despoboamento, á perda de transmisión xeracional ou ao uso crecente do galego estándar, mentres que outras seguen presentes na fala cotiá.

Este traballo enmárcase no programa “Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional”, coordinado polo Instituto da Lingua Galega da USC en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro do Plan Proxecta+.

0.1091411113739