O programa Maruxa Mallo continúa en Esgos cunha charla sobre saúde sexual

O programa Maruxa Mallo retomará este verán a súa programación cunha nova actividade centrada na saúde e o benestar das mulleres. Nesta ocasión, organizarase a charla “Saúde sexual ao longo da vida”, unha sesión dedicada a ofrecer unha visión sobre a saúde sexual e reprodutiva feminina nas distintas etapas da vida.
A actividade terá lugar o xoves 16 de xullo, ás 18:00 horas, no Local Social de Rezomilo, na parroquia de Vilar de Ordelles.
Esta proposta enmárcase nunha iniciativa impulsada conxuntamente polos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín e Paderne de Allariz, dirixida ás mulleres dos tres municipios co obxectivo de promover o seu benestar, favorecer a formación e impulsar o seu empoderamento.
Ademais destas charlas, o programa Maruxa Mallo desenvolve ao longo do ano obradoiros, actividades formativas e distintos servizos de apoio psicolóxico, xurídico e laboral. A iniciativa tamén ofrece orientación personalizada para mellorar os recursos e as oportunidades das participantes.
Entre as actuacións incluídas no programa figuran accións orientadas ao reforzo da autoestima, á promoción da saúde e da empregabilidade, así como actividades de prevención da violencia de xénero e de fomento da igualdade.