O programa Maruxa Mallo achega a Esgos un obradoiro sobre o envellecemento activo e as oportunidades da idade

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A actividade abordará tamén o impacto que a responsabilidade dos coidados ten sobre as mulleres
charla-programa-maruxa-mallo-esgos
27 Aug 2026

O Centro Cultural Parada Justel de Esgos acollerá este xoves, 27 de agosto, un Obradoiro das Oportunidades da Idade, unha actividade centrada na valorización social da idade e no fomento dun envellecemento activo.

A sesión comezará ás 18.00 horas e abordará a idade desde unha perspectiva positiva, como unha etapa chea de oportunidades. Ademais, analizarase o impacto que ten sobre as mulleres a responsabilidade asociada ao traballo dos coidados.

A proposta forma parte do programa Maruxa Mallo, unha iniciativa impulsada conxuntamente polos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín e Paderne de Allariz e dirixida ás mulleres dos tres municipios. O programa ten como finalidade promover o seu benestar, favorecer a formación e impulsar o seu empoderamento.

Ao longo do ano, Maruxa Mallo desenvolve diferentes obradoiros e actividades formativas, ademais de ofrecer servizos de apoio psicolóxico, xurídico e laboral e orientación personalizada para facilitar o acceso das participantes a recursos e novas oportunidades.

Entre as súas actuacións tamén se inclúen iniciativas destinadas a reforzar a autoestima, promover a saúde e a empregabilidade, previr a violencia de xénero e fomentar a igualdade.

0.15711688995361