O programa Descubrir Quiroga organiza este sábado unha viaxe ao pasado coas “Noites de Lenda”

RibeiraSacraXa
A actividade, prevista para o 18 de xullo, ofrecerá un percorrido nocturno pola Igrexa da Ermida e o Castelo dos Novaes con historias de amor, misterio e tradición
noites-de-lenda-quiroga
16 Jul 2026

O programa Descubrir Quiroga incorpora este verán unha nova actividade baixo o título “Noites de Lenda”, unha proposta que convida a descubrir parte do patrimonio do municipio a través dun percorrido teatralizado.

A cita terá lugar este sábado, 18 de xullo, con saída ás 22:00 horas desde a Casa da Cultura de Quiroga.

Os participantes realizarán un itinerario ata a Igrexa da Ermida e o Castelo dos Novaes, onde as lendas vinculadas a estes espazos cobrarán vida da man da actriz Ariadna Santana, que será a encargada de guiar a experiencia interpretando unha personaxe creada para a ocasión.

Durante o percorrido, os asistentes poderán coñecer diferentes historias de amor, misterio e tradición relacionadas con estes enclaves patrimoniais, nunha actividade que combina divulgación histórica e representación teatral.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente na Casa da Cultura, chamando ao teléfono 982 43 51 25 ou a través do correo electrónico turismo.quiroga@eidolocal.es.

A iniciativa está organizada polo Concello de Quiroga, a través da Concellería de Turismo, coa colaboración da Deputación de Lugo e de Montañas do Courel Xeoparque.

0.12157106399536