O programa “Descubrir Quiroga” levará este sábado aos participantes a coñecer os museos do municipio

RibeiraSacraXa
A seguinte actividade será o domingo cun roteiro polo paseo do río Quiroga
Museo Xeolóxico de Quiroga
24 Jun 2026

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, continúa desenvolvendo os seus roteiros por distintos puntos do municipio.

O pasado sábado realizouse unha ruta interpretada baixo o título “Montefurado, aceite e viño”, na que os participantes foron recibidos polo concelleiro de Turismo, Vicente Parra, e percorreron este enclave de orixe romana, así como o tramo do Camiño de Inverno que une Montefurado con Albaredos.

Da man de Coureleando, o grupo coñeceu distintos elementos do patrimonio local, como o pasado romano da zona, un muíño de aceite tradicional afectado polo incendio do pasado verán e aspectos relacionados coa arquitectura tradicional das aldeas, como o uso da pedra, os corredores ou os encalados e cores das fachadas.

A xornada completouse con dúas catas nas que os participantes puideron coñecer máis a fondo dous produtos representativos de Quiroga: o aceite, da man de Aceiroga, e o viño, na adega Albaredos – Hobbs.

O programa “Descubrir Quiroga” continuará no mes de xuño con outras dúas actividades. O día 27 está prevista unha visita guiada polos museos de Quiroga, acompañada dunha charla sobre produción e explotación apícola. O día 28 terá lugar un paseo consciente polo paseo do río Quiroga, nun percorrido centrado na natureza e na desconexión.

Trátase dun programa gratuíto con prazas limitadas, para o que é necesaria inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 982 435 125 ou no correo turismo.quiroga@eidolocal.es.

0.13034391403198