O programa 'Descubrir Quiroga' incorpora novas actividades na súa programación de xullo

RibeiraSacraXa
A iniciativa incluirá propostas de astronomía, rutas, lendas, piragüismo e patrimonio para dinamizar a actividade turística do municipio
descubrir-quiroga-fervenzas
6 Jul 2026

O programa de dinamización turística 'Descubrir Quiroga', promovido pola Concellería de Turismo, chega este mes de xullo cunha programación que incorpora novas propostas e actividades dirixidas a diferentes públicos.

A primeira cita terá lugar o sábado 11 de xullo coa actividade 'Ceos de Quiroga', unha saída nocturna pensada para persoas de todas as idades e especialmente orientada á participación familiar. A proposta estará guiada por unha persoa especialista en astronomía e permitirá aos asistentes aprender a identificar estrelas, constelacións e planetas visibles desde o ceo de Quiroga. Ademais, durante a actividade explicaranse as relacións existentes entre o firmamento, as lendas locais e antigas prácticas agrícolas.

Ao día seguinte, o 12 de xullo, volverá á programación o 'Roteiro das fervenzas', unha proposta que permitirá percorrer as cinco fervenzas situadas na zona de Outeiro, A Seara e Vieiros.

Outra das novidades desta edición chegará o día 18 con 'Noites de Lenda', un paseo nocturno guiado por un intérprete que combinará historia, patrimonio e tradición oral a través dun formato participativo. Durante o percorrido abordaranse diferentes relatos populares da zona, entre eles os relacionados co Castelo dos Novais e coa Ermida, contextualizados dentro da historia local.

Tamén o día 18 desenvolverase unha actividade centrada no piragüismo, unha proposta de iniciación a este deporte que terá lugar na contorna de Augas Mestas. A programación inclúe unha explicación básica sobre o manexo das embarcacións e aspectos relacionados coa seguridade, ademais dun percorrido en augas tranquilas acompañado por monitores especializados.

A última actividade prevista para este mes celebrarase o día 26 e permitirá descubrir un novo itinerario incorporado á oferta turística do municipio. Trátase do roteiro 'A Toca', unha ruta interpretativa centrada na historia da siderurxia do ferro nesta zona e que contará con dez paradas en distintos puntos de interese histórico, entre eles a Casa da Toca, o Castro de Barreiro ou a Ferrería da Rodela.

As persoas interesadas en participar nestas actividades, todas elas gratuítas, xa poden formalizar a súa inscrición a través da Oficina de Turismo.

O programa 'Descubrir Quiroga', desenvolvido en colaboración coa Deputación de Lugo, busca ofrecer experiencias vinculadas aos principais atractivos do municipio coa finalidade de impulsar a actividade turística e contribuír á dinamización da economía local.

0.1219630241394