O programa “Descubrir Quiroga” inaugurou unha nova edición cun roteiro polo Camiño de Inverno

RibeiraSacraXa
Os participantes percorreron o tramo entre Quiroga e o límite co concello da Pobra do Brollón, descubrindo a riqueza e patrimonial da zona
camiño-do-inverno-descubrir-quiroga
18 May 2026

A terceira edición do programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga” arrancou este sábado cunha actividade centrada no valor cultural e natural do territorio, impulsada pola Concellería de Turismo do Concello de Quiroga e co apoio da Deputación Provincial de Lugo.

A iniciativa, que busca poñer en valor o patrimonio local a través da historia, a cultura e a natureza, foi presentada polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Vicente Parra, xunto ao alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, encargados de dar a benvida ás persoas participantes.

A xornada inaugural desenvolveuse cun roteiro polo Camiño de Inverno, no que un grupo de 15 persoas percorreu o tramo entre Quiroga e o límite co concello da Pobra do Brollón. Ao longo do percorrido, os participantes puideron gozar das paisaxes propias desta ruta xacobea, na que se combinan espazos naturais e elementos históricos.

Un dos puntos máis destacados do itinerario foi a chegada á Ponte de Barxa do Lor, onde os camiñantes puideron coñecer este emblemático paso sobre o río Lor. A estrutura actual, datada entre finais do século XIV e comezos do XV, mantivo ao longo dos séculos un papel fundamental como vía de comunicación entre o Val do Sil e o interior de Galicia.

A actividade concluíu nas instalacións da adega Val de Quiroga, onde se celebrou unha cata de viños acompañada dunha degustación de petiscos, poñendo o broche final á primeira proposta do programa.

“Descubrir Quiroga” continuará o vindeiro sábado, 23 de maio, co Roteiro da Encomenda. As persoas interesadas poden inscribirse de forma gratuíta no teléfono 982 435 125 ou a través do correo electrónico turismo.quiroga@eidolocal.es.

0.11617207527161