O programa “Descubrir Quiroga” continúa este sábado cun roteiro interpretado por Montefurado

RibeiraSacraXa
Baixo o título “Montefurado, aceite e viño”, a proposta combinará o percorrido guiado coa realización de dúas catas
Acceso Montefurado
18 Jun 2026

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, segue desenvolvendo novas propostas ao longo deste mes de xuño cunha programación centrada na natureza, o patrimonio e a divulgación cultural.

A última actividade tivo lugar a pasada fin de semana, cunha xornada de iniciación ao barranquismo no río Ferreiriño, na que as persoas participantes puideron achegarse a esta práctica deportiva en contacto co medio natural.

A programación continúa este sábado, día 21, cun roteiro interpretado por Montefurado, unha actividade que busca poñer en valor este enclave de orixe romana e a súa relación coa historia do territorio. Baixo o título “Montefurado, aceite e viño”, a proposta combinará o percorrido guiado coa realización de dúas catas: unha de viño da adega Albaredos–Hobbs e outra de aceite da man de Aceiroga, unindo así patrimonio histórico e produtos locais.

O programa seguirá o 27 de xuño cunha visita guiada polos museos de Quiroga, centrada no coñecemento da historia, a cultura e as tradicións do municipio. Nesta xornada incluirase tamén unha charla sobre a produción e explotación apícola, achegando unha visión divulgativa deste sector.

Xa para pechar o mes, o día 28 está previsto un paseo consciente polo paseo do río Quiroga, unha actividade orientada ao contacto coa natureza e á desconexión, nun percorrido pensado para favorecer a relaxación e a conexión co entorno.

0.13064312934875