O programa Descubrir Quiroga continúa en agosto e setembro con varias propostas para descubrir o patrimonio local

Quiroga continuará durante os meses de agosto e setembro cunha programación de actividades destinada a descubrir a contorna, coñecer o patrimonio e achegarse ao municipio desde diferentes perspectivas.
Entre as propostas previstas figura “Segway Mini Aventura”, que se desenvolverá o 5 de setembro cun percorrido polo Paseo Fluvial de Quiroga. A actividade permitirá realizar o itinerario sobre rodas e desfrutar da paisaxe da zona.
Previamente, o 30 de agosto será a quenda de “Paisaxes Sonoras do Val da Seara”, unha experiencia pensada para coñecer este espazo desde unha perspectiva diferente, prestando atención á paisaxe e aos seus sons.
A programación completarase o 12 de setembro con “Raíces e Ritmos das Montañas”, unha actividade que terá como escenario o Museo Etnográfico e que permitirá achegarse ás tradicións, á artesanía e á cultura das montañas.
O programa inclúe tamén dúas actividades de barranquismo, unha prevista para agosto e outra para setembro. Ambas as propostas tiveron unha gran acollida e xa completaron todas as prazas dispoñibles.
As persoas interesadas en participar nas actividades que aínda dispoñen de prazas poden realizar a inscrición na Oficina de Turismo de Quiroga, a través do teléfono 982 43 51 25 ou do correo electrónico turismo.quiroga@eidolocal.es.