O programa “Descubrir Quiroga” achegou aos participantes aos museos da vila e promoveu unha experiencia de benestar na natureza

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, continuou esta fin de semana coa súa programación de actividades, ofrecendo novas propostas centradas na divulgación do patrimonio local e no contacto coa natureza.
A xornada do sábado estivo dedicada ao coñecemento dos museos da vila. A partir das once da mañá, os participantes visitaron o museo xeolóxico guiados polo director desta instalación e do museo etnográfico municipal, Ramón Vila. Durante a actividade realizou unha introdución sobre este espazo, considerado o primeiro museo dedicado integramente á interpretación do patrimonio xeolóxico.
Esta instalación foi inaugurada no ano 2011 e ampliada en 2020, converténdose nun dos principais centros de interpretación do Xeoparque Montañas do Courel. Durante a visita, Ramón Vila trasladou tamén as desculpas do concelleiro delegado de Turismo, Vicente Parra, que non puido asistir por motivos laborais.
Unha hora máis tarde, a actividade trasladouse ao museo etnográfico de Quiroga, onde os asistentes percorreron as diferentes salas para coñecer aspectos relacionados coa historia, a cultura e as tradicións do municipio. O museo, aberto ao público desde o ano 2007, reúne máis dun milleiro de pezas etnográficas, moitas delas incorporadas grazas ás doazóns realizadas pola veciñanza dos tres concellos que integran o Xeoparque.
Durante a visita, Ramón Vila guiou aos asistentes por espazos como a adega, o pendello, o muíño, a lareira, a escola ou o tear. O percorrido rematou nunha das salas máis singulares, dedicada ao mel.
Nese espazo, Marcos Maseda, da empresa local A Varrosa, explicou aos participantes o traballo que desenvolven desde 2021 na produción de mel e o proceso de recuperación de antigos colmenares, mantendo métodos artesanais combinados co uso de novas tecnoloxías para a promoción e comercialización dos produtos.
Maseda tamén abordou os principais riscos para as abellas no territorio do Xeoparque, facendo referencia á avespa invasora velutina, á varroa e ás visitas ocasionais aos colmenares de animais como o xabarín ou o oso. A xornada concluíu cunha degustación do mel producido por A Varrosa.
A programación continuou o domingo cunha segunda actividade na que participou unha vintena de persoas. O concelleiro de Turismo e primeiro tenente de alcalde, Vicente Parra, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes antes do inicio da proposta denominada “Paseos Conscientes”, que tivo como punto de partida a contorna da ponte de Vilaverde.
A iniciativa combinou sesións de ioga cun paseo pola beira do río Quiroga guiado por Teresa Taboada, responsable de Espazo Sacro. O percorrido realizouse inicialmente en silencio, animando aos participantes a centrarse na respiración e nos sons e estímulos da contorna, como a auga, a vexetación ou o canto dos paxaros.
Segundo a organización, a actividade buscou ofrecer un espazo orientado á redución do estrés, á mellora do benestar físico e emocional e ao fortalecemento do vínculo coa natureza desde unha perspectiva accesible, respectuosa e consciente.
Ao remate da actividade, a organización ofreceu un pequeno aperitivo aos participantes co obxectivo de promover hábitos de vida saudables.