O primeiro Concurso de Engaches de Chantada terá lugar o vindeiro 21 de xullo

RibeiraSacraXa
A de Chantada é unha das 6 probas puntuables para o Campionato Galego
concurso-enganches-Chantada
concurso-enganches-Chantada
10 Xul 2024

Chantada acolle o 21 deste mes de xullo o Concurso de Enganches Concello de Chantada coa colaboración do Club de Enganches de Galicia. A de Chantada é unha das 6 probas puntuables para o Campionato Galego.

A recepción dos cabalos será ás 15.00 horas, media hora despois farase a revisión veterinaria e despois do recoñecemento de pista a competición comezará ás 17.00 horas para prolongarse ata despois das 19.00 horas.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura que a proba aportará algo novo para Chantada e amósase convencido de que resultará espectacular: “Será a primeira vez que Chantada acolla este tipo de proposta, vai ser moi pintoresca e atraerá a moito público, estamos seguros de que á xente lle vai gustar moito. Aportará algo novo a Chantada porque nunca vivimos unha experiencia así. Aos rapaces e rapazas faralles moita ilusión porque ver carruaxes de cabalos sempre impacta moito”.

O Concurso que se desenvolverá na disciplina Enganche, categoría Proba de Obstáculos Territorial; terá lugar na Avda. de Monforte, na parcela fronte ao supermercado Día. Competirase en 3 modalidades, a dos nenos con poni, a dun cabalo só e dous cabalos.

“Póñense 16 obstáculos na pista e recórrese a pista sin tocar os obstáculos. Os conos levan unhas boliñas na punta e os competidores non poden tirar as bolas facendo os mellores tempos”, explican desde o Club de Enganches de Galicia.

Para este tipo de competicións é esencial que a carruaxe se adapte ao cabalo, hai que buscar o equilibrio axeitado para que o animal poida traballar con comodidade e eficacia. Ademais de gozar cos cabalos, o día 21 tamén poderase coñecer algo máis das distintas carruaxes como os carros de institutriz ou tono; calesas, ralli cars e dog cars, os waggonette; factones, landós, victorias, cupés...

“Esperamos asistir a unha competición espectacular. Os carros van rápido derrapando. Neles van dúas persoas, unha guiando o cabalo e outra detrás para mover o carro, para inclinarse e que non se levanten as rodas. Seguro que será espectacular”, asegura a concelleira de Deportes, Belén Vázquez, convidando á participación.

Para a competición contarase con 3 xuíces federados, un nacional e dous territoriais e todos os participantes deberán ter ao día as licenzas deportivas e as dos cabalos e os correspondentes libros coas vacinas. Para o bo desenvolvemento da competición contarase con veterinario, ferreiro, cronómetro e ambulancia.

As inscricións para participar están abertas ata o 15 de xuño no correo fhgallega@fhgallega.com.

0.070945978164673