O PP solicita o arranxo inmediato da estrada LU-P-1811 en Chantada

O Grupo Provincial Popular levará ao próximo pleno unha iniciativa na que reclama ao goberno da Deputación o arranxo inmediato da estrada LU-P-1811, no municipio de Chantada, ao considerar que presenta un estado de conservación moi deficiente.
Segundo os populares, a vía atópase “totalmente estragada e insegura”, unha situación que, segundo denuncian, xa foi trasladada en ocasións anteriores ao goberno provincial sen que se adoptasen medidas de reparación.
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, sinalou que recentemente revisaron o estado da estrada xunto co alcalde de Chantada e veciños da zona, constatando o seu “nefasto” estado de conservación. Nesta liña, criticou a falta de actuacións por parte de PSOE e BNG e asegurou que “nada fixeron”, motivo polo que volverán reclamar no pleno unha intervención urxente.
Os populares alertan de que o firme presenta numerosas fochancas e zonas deterioradas, o que dificulta a circulación e supón un risco para os usuarios. Nese sentido, Ameijide advertiu que “o estado de conservación da estrada é moi malo, sendo unha vía perigosa que xa provocou danos en vehículos, así como incomodidade e inseguridade no único acceso a estas vivendas”.
Desde o PP insisten na necesidade de acometer actuacións de mantemento de forma inmediata e detallan que as intervencións deberían incluír a reparación do firme, o desbroce da vexetación, a poda das árbores, a renovación da sinalización vertical, o repintado da horizontal e a limpeza das cunetas para garantir unha correcta evacuación da auga.
Ameijide tamén reclamou ao goberno provincial que priorice o mantemento da rede viaria, e pediu que “comecen a arranxar as estradas que peor estado presentan por motivos de seguridade”.