O PP reclama información sobre os máis de 93.000 euros que a CHMS cobra ao Concello de Monforte

O PP de Monforte reclamou ao alcalde, José Tomé, que explique as liquidacións aprobadas polo Goberno de España para o Concello en concepto de Tarifa de Utilización da Auga (TUA), vinculadas a obras executadas mediante convenios coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).
Segundo os populares, as cantidades aprobadas para este 2026 superan os 93.000 euros, dos que máis de 88.000 corresponderían a actuacións incluídas en convenios anteriores á entrada en vigor da modificación da normativa de augas de maio de 2023. O partido sostén ademais que o cobro podería manterse durante 25 anos.
A portavoz municipal do PP, Katy Varela, compareceu en rolda de prensa acompañada pola deputada nacional Cristina Abades e polos senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano. Varela asegurou que o alcalde debe aclarar aos veciños “se existen esas liquidacións pendentes” e informar das condicións nas que se están a executar as obras conveniadas coa CHMS.
Os populares sinalan que os concelleiros do grupo municipal xa solicitaron por escrito a documentación relativa a estas liquidacións, pero, segundo explican, Tomé indicou que respondería no Pleno municipal.
Varela cuestionou tamén que o Concello teña que asumir pagamentos durante 25 anos por actuacións realizadas mediante convenios coa Confederación. A portavoz popular reclamou coñecer “o que negociou Tomé coa Confederación Hidrográfica e se supón unha hipoteca para os monfortinos a longo prazo”.
O PP distingue entre os convenios e obras tramitados a partir do 11 de maio de 2023, que considera sometidos ao novo marco legal, e os acordos anteriores a esa data. Neste segundo caso, os populares cuestionan que se aplique a TUA con carácter retroactivo e sosteñen que as liquidacións supoñen un custo adicional para as arcas municipais.
Segundo os datos facilitados polo PP, das cantidades previstas para 2026, máis de 69.000 euros están vinculados á segunda fase das obras de mellora da rede de saneamento e depuración incluídas nun convenio de novembro de 2020. Outros preto de 18.500 euros corresponderían a actuacións contempladas nun convenio asinado en marzo de 2023 para a entrega de obras de mellora do saneamento e depuración.
En total, os populares cifran en máis de 88.000 euros a parte das liquidacións correspondente a obras incluídas en convenios anteriores á modificación normativa de 2023. Ademais, aseguran que o Goberno de España pretende manter estes cobros durante 25 anos e cifran en arredor de 17 millóns de euros o importe que poderían supoñer os convenios anteriores a maio de 2023 no ámbito da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Os senadores do PP avanzaron que reclamarán no Senado a paralización das liquidacións que consideran retroactivas e unha modificación destas condicións.