O PP reclama axudas de emerxencia para o sector agrícola e pesqueiro pola suba dos custos

O Partido Popular levará ao Congreso e ao Senado unha iniciativa para reclamar ao Goberno de España un novo plan de axudas de emerxencia destinado aos sectores agrícola e pesqueiro ante o incremento dos prezos do gasóleo, dos fertilizantes e doutros custos de produción.
O deputado galego no Congreso Francisco Conde deu a coñecer a proposta durante unha visita á Gandería Teijeiro e Rodríguez SC, no Saviñao, na que participou xunto ao alcalde, Carlos Armesto, os deputados lucenses Jaime de Olano e Cristina Abades, a portavoz de Agricultura, Pesca e Alimentación do Grupo Popular no Congreso, Rosa Quintana, o portavoz de Pesca no Senado, Manuel Ruiz, e o senador lucense José Manuel Balseiro.
A formación propón crear un novo Plan de Axudas de Emerxencia que permita compensar o aumento dos custos enerxéticos, do gasóleo e dos fertilizantes. Segundo o PP, o Goberno debería aplicar a marxe de compensación permitida pola Unión Europea, que sitúa no 70 % do incremento dos prezos, fronte ao límite de 20 céntimos por litro establecido actualmente para o gasóleo de uso agrario ata o 30 de setembro.
Os populares sinalan que a situación tamén afecta ao sector pesqueiro e reclaman medidas específicas para facer fronte ao aumento dos custos.
Francisco Conde considera “imprescindible” revisar á alza as axudas ao gasóleo e cuestiona que se poida avanzar na súa retirada gradual. “Toda vez que as circunstancias que motivaron estas axudas non cambiaron. É máis, a situación cada vez vai a peor”, afirma.
O PP asegura que trasladou estas propostas ás organizacións agrarias que convocaron mobilizacións polos prezos dos carburantes e dos fertilizantes. Segundo os datos achegados pola formación, a situación afecta en Galicia a máis de 65.000 explotacións gandeiras, das que máis de 25.000 son de gando bovino. Na provincia de Lugo, serían unhas 22.000 explotacións, máis de 10.000 delas bovinas.
A iniciativa tamén reclama modificar o actual sistema de tramitación das axudas para evitar que agricultores, gandeiros e pescadores teñan que adiantar os custos. O PP sinala que a axuda ao gasóleo agrario se tramita xunto coa devolución anual do Imposto Especial sobre Hidrocarburos, o que atrasa a súa percepción, mentres que os armadores tamén deben asumir o gasto durante meses antes de recibir as compensacións.
A formación asegura que as medidas propostas buscan evitar que o incremento dos custos de produción leve agricultores a deixar de sementar ou abandonar as súas explotacións e que os pescadores teñan que deixar de faenar.
Francisco Conde tamén reclamou ao Goberno de España a convocatoria “urxente” da Mesa Nacional da Seca ante a escaseza xeneralizada de choivas.
Segundo o PP, a falta de precipitacións está a agravar a situación de parte do sector agrogandeiro galego e fai necesario abordar medidas específicas para dar resposta ás explotacións afectadas.