O PP propón que a nova vía da zona C en Monforte leve o nome de Manuela Sáez González

O Grupo Municipal Popular de Monforte propón que o novo espazo situado ao carón do parque dos Condes pase a denominarse rúa Manuela Sáez González, dentro do prazo de 20 días habilitado para presentar alegacións ou propostas alternativas ao nomeamento inicial de rúa Cardenal.
A proposta foi anunciada pola voceira popular, Katy Varela, quen sinalou que a iniciativa busca introducir maior creatividade e recoñecemento a persoas, colectivos e elementos representativos da cultura local, autonómica e estatal á hora de nomear novas vías e espazos públicos.
Segundo explicou o grupo, a escollida é unha historiadora nada en Monforte, que ademais foi pregoeira das últimas festas patronais e é recoñecida polo seu traballo de investigación como experta no Condado de Lemos, especialmente no estudo da figura do VII Conde de Lemos e do virrei Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal.
O Grupo Popular presentou tamén unha segunda opción de denominación para este espazo, no caso de que a primeira proposta non acade consenso: rúa das Lavandeiras.
Neste sentido, lembran que o pasado ano se celebrou no entorno do parque dos Condes un acto do Día da Muller en homenaxe a estas traballadoras, ademais de existir un mural que rende tributo a este colectivo, polo que consideran que tamén sería unha opción axeitada para o novo espazo urbano.