O PP presenta no Saviñao medidas de igualdade centradas en conciliación e emprego feminino

RibeiraSacraXa
Representantes do partido detallaron ante mulleres da zona sur da provincia de Lugo as medidas do seu programa electoral en materia de corresponsabilidade, apoio á familia e emprendemento feminino
encontro mulleres PP O Saviñao
27 Nov 2026

O Partido Popular celebrou este venres no Saviñao un encontro con mulleres da zona sur da provincia de Lugo para presentar as medidas que a súa formación inclúe no seu programa electoral en materia de igualdade, de cara ás eleccións xerais do vindeiro domingo.

Ao acto asistiron os candidatos ao Congreso Francisco Conde, Cristina Abades e Alicia López, así como a candidata ao Senado Lola Castro, acompañados polo alcalde do municipio, Carlos Armesto, e pola vicepresidenta do Parlamento de Galicia e portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Raquel Arias.

Durante a cita, Conde destacou o papel das mulleres como impulso social e económico da provincia. Pola súa banda, Abades detallou que o programa electoral do PP contempla, en materia de corresponsabilidade, a gratuidade da educación de 0 a 3 anos en toda España —cunha financiación repartida ao 50 % entre o Estado e as comunidades autónomas—, ademais de ampliar os permisos por nacemento, dotalos de maior flexibilidade organizativa e estender os bancos de horas e o teletraballo para quen teña fillos ou persoas dependentes ao seu cargo.

No terreo laboral, a formación propón bonificar ao 100 % a cota de autónomas durante os dous anos posteriores ao permiso de maternidade —cubrindo tamén os períodos de lactación— e bonificar a contratación de persoal substituto durante os permisos por nacemento, co obxectivo de evitar que as empresas penalicen ás traballadoras. Respecto á fenda salarial, os populares defenderon actuar sobre a parcialidade involuntaria e os sesgos existentes nos complementos retributivos.

O programa tamén inclúe medidas de apoio ao emprendemento feminino, como unha cota cero para novas autónomas durante o primeiro ano de actividade —ampliable a un segundo ano se os seus ingresos non superan o salario mínimo—, a redución de trámites burocráticos e o fomento dunha segunda oportunidade empresarial.

No plano social, o PP propón unha fiscalidade favorable ás familias, o recoñecemento dun estatuto específico para as familias monoparentais e o reforzo da protección ás vítimas de violencia de xénero mediante dispositivos máis fiables e maiores medios xudiciais.

Os populares criticaron así mesmo a xestión do Goberno central nestas materias, sinalando o atraso da lei de familias, así como deficiencias que atribúen á denominada lei do "só si é si" e aos dispositivos de control para maltratadores.

0.17077898979187