O PP pide a finalización urxente as obras de supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Xoán Montes

A deputada autonómica e portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno central e a Adif a reanudar e finalizar de forma urxente as obras de supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Xoán Montes. Varela denuncia que malia ser unha “actuación estratéxica” e cun orzamento de 8.273.522 euros, os traballos levan meses “completamente parados”.
As obras, lembra a popular, comezaron en setembro de 2024 cun prazo de execución de 16 meses que xa se viu superado. “A situación actual é de abandono absoluto", lamenta Varela, que advirte que a parálise mantén as comunicacións interrompidas sen que haxa unha data de conclusión á vista. Ademais, explica, aínda que a explanación de novos viarios avanzou, ningún está asfaltado.
Porén, o máis grave para os populares é o elemento central do proxecto, coa a escavación do paso inferior, que, denuncia “nin sequera comezou”. Neste sentido, acusa a Adif de “abandonar esta parte de Monforte” e afirma que non se pode permitir “que unha inversión de 8 millóns de euros se converta nun estorbo indefinido por falta de xestión e compromiso político”.
Por iso, piden que o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a trasladar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Adif a demanda de concluír de xeito inmediato as obras de supresión dos mencionados pasos a nivel, e chaman ao alcalde, José Tomé, a tomar partido para desbloquear esta situación.