O PP pide á Deputación de Lugo que adopte medidas urxentes na LU-P-5601, en Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide pide unha actuación inmediata para garantir a seguridade neste punto
LU-P-5601, Folgoso do Courel
25 Out 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo denuncian “a falta de mantemento” da rede de estradas provincial por parte de PSOE e BNG, “o que converteu estas vías en zonas moi perigosas”, explican.

Un claro exemplo deste perigo, sinalan os populares, é a estrada provincial LU-P-5601 en Folgoso do Courel que, ao seu paso por Paderne, ten un treito de varias decenas de metros “no aire” xa que a terra sobre a que se asenta a estrada correu cara abaixo “perdendo así gran parte do apoio que sostén esta vía”.

Unha situación que comprobou "in situ" o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto á alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro. “A Deputación ten que actuar xa, non pode deixar pasar un día máis sen facer nada porque o perigo é real e a estrada pode caer sobre as vivendas que hai na parte inferior ou mentres circulan vehículos por ela”, denunciaron.

Nesta zona parte do talud sobre o que se asenta a estrada xa se caeu “provocando que perda gran parte do terreo no que se apoia”, unha situación que pode empeorar coa chegada do inverno e as chuvias “que poden reblandecer aínda máis o talud e facer que siga a correr a terra, minorando aínda máis o apoio da estrada”.

2.391165971756