O PP levará ao pleno da Deputación unha iniciativa para reclamar a anulación do convenio para a construción da ponte do Malecón

RibeiraSacraXa
Os populares consideran que o proxecto conta cun amplo rexeitamento social, cuestionan o destino dos fondos provinciais e critican a postura do BNG tanto na Deputación como en Monforte
pp-mocion-malecon-monforte
16 Jul 2026

O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno a rescisión do convenio de 1,8 millóns de euros asinado co Concello de Monforte, ao considerar que eses fondos servirán para financiar parte da construción da nova ponte do Malecón.

O anuncio foi realizado polo portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, e pola voceira do Grupo Municipal Popular en Monforte, Katy Varela, nunha rolda de prensa na que explicaron que presentarán unha moción para solicitar a anulación do acordo.

Segundo Ameijide, a iniciativa busca “garantir que os recursos públicos de tódolos lucenses non vaian a parar, en concreto, para o proxecto da nova ponte do Malecón que ten unha forte contestación social en Monforte”.

O portavoz popular precisou que o seu grupo non se opón á chegada de investimentos para a cidade. “Non estamos en contra de que veñan cartos para Monforte dende calquera administración, o que non queremos é que ese diñeiro de tódolos lucenses vaia directamente para financiar parte do custo deste proxecto” e para “a campaña de lavado de cara de José Tomé”.

Na súa intervención, Ameijide sostivo que o convenio debería anularse polo “clamor social absoluto” que, ao seu xuízo, existe en Monforte contra esta actuación e engadiu que “o que non se pode facer, de ningunha maneira, é pagar cos cartos de todos os lucenses a campaña política de José Tomé”.

Na nota, o PP tamén alude á situación xudicial do alcalde de Monforte, José Tomé, indicando que está investigado por un presunto delito de acoso sexual e asegurando que “precisa dos fondos para pagar a súa campaña política para as eleccións municipais”.

Antonio Ameijide dirixiu tamén as súas críticas ao BNG, ao que acusou de manter unha postura contraditoria sobre este proxecto.

O portavoz provincial cualificou a actitude dos nacionalistas de “pagafantas” por “permitir que envíen o diñeiro a Monforte para a construción da ponte”, ao tempo que asegurou que “as escusas do BNG xa non as cre nin o propio Efrén Castro”.

Segundo Ameijide, o vicepresidente da Deputación ten capacidade para frear este convenio e preguntouse “quen se pode fiar dunha persoa como Efrén Castro que di unha cousa en Monforte e fai a contraria na Deputación”.

Pola súa banda, a portavoz do PP de Monforte anunciou que o seu grupo tamén presentará unha moción no pleno municipal.

Katy Varela considera que José Tomé “non está lexitimado” para comprometer 2,8 millóns de euros do orzamento municipal para os vindeiros anos cando faltan dez meses para as eleccións municipais.

“Se tanto interese tiña neste proxecto tivo máis de tres anos para realizalo, pero agora non é o momento, sen contra coa protesta social que ten”, afirmou.

A edil popular tamén cargou contra o BNG, lembrando que o deputado autonómico Iago Suárez definiu esta actuación como unha “monstruosidade”, mentres, segundo denuncia, o partido permite desde o goberno da Deputación que se financie o proxecto.

“O BNG monta o teatro no Parlamento e nas rúas criticando a obra, pero despois, onde se senta a gobernar co PSOE, que é na Deputación de Lugo, permite que se envíen os cartos para financiala e que sexa unha realidade que ninguén quere en Monforte”, manifestou.

Varela insistiu en que o PP de Monforte seguirá opoñéndose á construción da nova ponte. “Mentres o PSOE e o BNG pactan nos despachos para impoñer unha obra que os monfortinos non queren, o PP de Monforte mantense firme ao lado da reclamación popular”, asegurou.

A portavoz popular concluíu defendendo que o problema non é a chegada de investimentos á cidade, senón o uso que se pretende facer deles. “En lugar de investilos nunha ponte que ninguén quere, deberían destinarse a mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga”, afirmou.

0.087051153182983