O PP denuncia que o Goberno “oculta os atrasos” nas obras dos pasos a nivel do Morín e sinala contradicións con ADIF

RibeiraSacraXa
Advirten das “contradicións” entre a versión oficial por escrito do Goberno de Sánchez ante preguntas dos senadores lucenses e as explicacións dos responsables de ADIF durante a visita ás obras
pp-monforte-pasos-a-nivel
22 May 2026

O Partido Popular acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de “ocultar os atrasos” nas obras de supresión dos pasos a nivel do barrio monfortino do Morín, en Monforte de Lemos, e advertiu de contradicións entre a información oficial e as explicacións ofrecidas por ADIF durante unha visita á zona.

Segundo os populares, mentres o Executivo central responde por escrito a preguntas no Senado asegurando que os traballos avanzan con normalidade, desde ADIF recoñécese sobre o terreo que as obras están paralizadas, que existen incidencias sobrevidas e que será necesario modificar o proxecto, o que implicará tamén un incremento dos custes.

O PP considera que estas diferenzas evidencian “contradicións” relevantes entre ambas versións. “Non se pode dicir unha cousa nos documentos oficiais e admitir a contraria diante dos veciños e das administracións afectadas. Alguén está faltando á verdade sobre o estado real destas obras”, sinalan.

Os senadores populares por Lugo, que trasladaron a situación ao Goberno a petición do PP de Monforte, cualifican a resposta recibida de “chamativa” e insisten en que o caso do Morín encaixa, ao seu xuízo, nun patrón de “anuncios, atrasos e incumprimentos” por parte do Executivo na provincia.

O grupo popular tamén critica que se intente “maquillar a situación” mentres se recoñecen modificacións no proxecto, algo que, segundo afirman, derivará en máis demoras e sobrecustes.

O PP de Monforte sostén ademais que a veciñanza está “farta” da situación e atribúe os atrasos á xestión do Goberno central, asegurando que este tipo de problemas se repiten en outras infraestruturas estatais da zona, como a estación de tren.

0.10505485534668