O PP de Monforte reclama no Parlamento un mellor mantemento dos ríos por parte da CHMS

RibeiraSacraXa
A proposta xorde tras os episodios de choivas intensas e borrascas dos últimos meses, que, segundo os populares, deixaron en evidencia problemas no estado das canles fluviais
katy-varela
24 Apr 2026

A deputada autonómica e portavoz do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a cumprir coas súas obrigas de limpeza e conservación dos ríos e regatos da súa competencia.

Segundo explicou a representante popular, a proposta xorde tras os episodios de choivas intensas e borrascas dos últimos meses, que deixaron en evidencia problemas no estado das canles fluviais. “Hai danos que son inevitables ante fenómenos meteorolóxicos extremos, pero moitos outros poderían evitarse cun mantemento axeitado por parte das administracións competentes”, sinalou.

Varela puxo o foco nas consecuencias que, ao seu xuízo, ten a falta de limpeza destes espazos, que pode derivar en situacións de risco e danos materiais. Como exemplo, referiuse ao ocorrido en Monforte, onde varios barrios se viron afectados por inundacións provocadas pola acumulación de maleza, troncos e outros obstáculos que dificultaban o paso da auga.

Entre os casos mencionados, destacou o da rúa Montepando, onde, segundo indicou, foron os propios veciños quen asumiron os custos da limpeza ante a falta de actuación das administracións competentes.
A deputada tamén comparou a xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil coa de Augas de Galicia, subliñando que o organismo autonómico dispón dunha planificación continuada e de investimentos estables, mentres que a entidade estatal, ao seu entender, carece de medios suficientes para garantir un mantemento adecuado.

Neste contexto, Varela incidiu na necesidade de mellorar a coordinación entre administracións con competencias hidráulicas repartidas. “Non se pode permitir que as confederacións actúen como simples sucursais ministeriais e non cumpran coas súas obrigas reais”, afirmou.

A iniciativa defendida polos populares propón que a Xunta de Galicia se dirixa á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que execute labores de limpeza e mantemento nos tramos que lle corresponden, ao tempo que solicita aos concellos que actúen nas zonas da súa competencia.

0.11703705787659