O PP de Monforte propón un plan de mellora para o barrio de Cobas

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte levará ao próximo pleno unha proposta para que o Concello poña en marcha un plan específico de actuación destinado á mellora do barrio de Cobas, ante as deficiencias que, segundo denuncian, acumula esta zona e as reclamacións veciñais realizadas nos últimos meses.
Os populares sinalan que Cobas é un dos barrios con maior poboación do municipio, debido ao crecemento experimentado nos últimos anos, aínda que consideran que ese aumento non foi acompañado dunha atención axeitada por parte do goberno local. Neste sentido, critican que “a pesar deste crecemento, o goberno de Tomé non lle presta a atención que merece, amosando unha imaxe de abandono e de falta de atención”.
Desde o PP indican que os residentes trasladaron reiteradamente as súas queixas ao Concello, polo que sosteñen que o equipo de goberno “non poden alegar descoñecemento”.
Entre as principais demandas veciñais recollidas polo grupo municipal figura a necesidade de dotar ao barrio dun local social para reunións e actividades, así como unha mellor coordinación para a celebración da súa festa anual. Tamén apuntan ao deterioro de distintas infraestruturas, citando como exemplo o estado das beirarrúas na Rúa Ourense.
A estas reivindicacións engaden a situación dalgunhas varandas, que consideran perigosas polo seu mal estado, a falta de espazos peonís adecuados, a necesidade de reforzar a seguridade viaria mediante a instalación de elementos redutores de velocidade, así como a limpeza insuficiente de determinadas parcelas públicas.
O grupo popular tamén menciona a ausencia de solucións ante os vertidos ao río como outra das preocupacións do barrio. “Falamos dun barrio próximo o centro urbano, pero cunha falta de mantemento alarmante”, sinalan os concelleiros do PP, que defenderán no pleno a posta en marcha dun plan municipal que aborde de forma global a mellora das infraestruturas e servizos en Cobas.