O PP de Monforte pon en valor os 237.123 euros que achega a Xunta de Galicia ao municipio
Os concelleiros do PP de Monforte poñen en valor os 237.123 euros que achega a Xunta de Galicia para dúas obras na localidade, a reforma e ampliación do polígono industrial e para a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura.
A voceira popular, Katy Varela, explica que para a reforma e ampliación do aparcadoiro do polígono se destinarán 120.000 euros, “unha actuación moi necesaria e que se poderá realizar grazas ao compromiso do goberno galego”.
Do mesmo xeito, “tamén son moi importantes” os traballos para a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Monforte, unha actuación que contará cunha axuda de 117.123 euros.
Katy Varela recorda que “a Xunta sempre está e estará ao carón dos monfortinos” polo que “José Tomé debería de pensar máis nos veciños e solicitar máis axudas da Xunta de Galicia. Queda patente que a Xunta sempre está disposta a axudar a todos os galegos, polo José Tomé debe deixar a un lado esa liña de enfrontar administracións e aproveitar todos os recursos que o goberno galego pon a disposición de todos os municipios”, rematou.