O PP de Monforte pide unha solución ante os problemas de saneamento na Compañía

RibeiraSacraXa
A voceira popular, Katy Varela, sinala que “este problema de saúde pública” precisa dunha urxente solución por parte do Concello de Monforte
A Compañía, Monforte
Problemas de saneamento na Compañía, Monforte
14 Nov 2024

Os concelleiros do PP de Monforte defenderán unha moción no pleno deste mes para que o goberno local cumpra os compromisos adquiridos e “dunha vez por todas” se executen os traballos necesarios para solucionar os problemas de saneamento do vertido na Compañía.

A voceira popular, Katy Varela, sinala que “os monfortinos xa estamos fartos de promesas que leva o vento” e que “este problema de saúde pública” precisa dunha urxente solución por parte do Concello de Monforte.

Katy Varela recorda como o 11 de setembro de 2023, o goberno de José Tomé anunciaba o comezo da da segunda fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, correspondentes ao proxecto de actuacións que o organismo de conca executará en varios colectores da cidade, concretamente, na galería baixo a Praza da Compañía e na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro e no Morín, na rúa Doutor Casares e na prolongación de Xoan Montes.

Recorda a voceira popular como o propio alcalde anunciara que con eses traballos se “ían a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas, por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente”.

Unhas palabras de José Tomé que “non nos inventamos no Partido Popular de Monforte, senón que calquera que o queira comprobar o pode facer na propia páxina web do Concello de Monforte, onde recollen este anuncio e esta promesa do alcalde”.

Cambio de actuacións

No pasado pleno do 29 de abril aprobouse a solicitude de cambio de actuacións en convenio á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, unha modificación que implicaba que os cartos destinados a arranxar o problema na rede de saneamento na zona da Compañía e os vertidos que se producen nesa zona, se inverterían noutra actuación, en concreto no Rego do Arroxo, deixando por tanto sen arranxo o grave problema existente cos vertidos na zona da compañía, o que pode repercutir moi negativamente na salubridade das augas do río Cabe.

“Vemos como o que máis lle gusta a José Tomé é facer anuncios nos medios de comunicacións e sacar unha foto, pensa que con iso xa o ten todo feito, pero os monfortinos queremos e precisamos feitos, como a urxente subsanación do problema de saneamento na Compañía da que hai ningún indicio de que se teña pensado realizar a corto prazo”, lamentou.

0.16920495033264