O PP de Monforte pide un plan de mantemento de beirarrúas

RibeiraSacraXa
Denuncian que existen numerosos tramos en mal estado en vías como a rúa Ourense, Compañía, Eduardo Pondal, Morín ou Roberto Baamonde
pp-beirarruas-monforte
23 Apr 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte de Lemos defenderán no vindeiro pleno unha moción para instar ao equipo de goberno a actuar de maneira “urxente” na mellora e mantemento das beirarrúas da cidade. A voceira popular, Katy Varela, recoñece que a que nos últimos anos se realizaron numerosas actuacións de asfaltado nas rúas de Monforte, pero considera que “non se pode dicir o mesmo do estado das beirarrúas, que presentan importantes deficiencias e supoñen un risco para os viandantes”.

Neste senso, denuncia que existen numerosos tramos en mal estado en vías como a rúa Ourense, a rúa Compañía, a rúa Eduardo Pondal, a rúa Morín ou a rúa Roberto Baamonde, entre outras. Para Varela, “é unha prioridade garantir a seguridade dos peóns”, polo que pide ao Goberno local que acometa melloras neste senso e non só “centre os seus esforzos en mellorar o pavimento e os espazos reservados aos vehículos”.

Katy Varela asegura que existen recursos económicos suficientes para afrontar estas actuacións, trala aprobación recente dun suplemento de crédito con cargo aos remanentes municipais, polo que “propoñemos que se destinen fondos á reparación e mantemento das beirarrúas, comezando polas zonas que presentan un maior deterioro”.

A voceira popular insiste en que “é necesario un plan de mantemento continuo que evite o abandono progresivo das infraestruturas peonís e garanta unha cidade máis accesible e segura para todos”.

0.1278760433197