O PP de Monforte pide melloras na rede abastecemento da auga do polígono do Reboredo

Os concelleiros do PP de Monforte defenderán no vindeiro pleno unha moción para reclamar unha solución “ás numerosas eivas que presenta o polígono industrial do Reboredo”.
Os concelleiros populares sinalan que son moitas as empresas instaladas nesta área industrial que están a sufrir deficiencias, e poñen de exemplo o caso do abastecemento da auga. “Non só falta presión, senón que se producen cortes frecuentes, ao igual que tamén sucede en moitos puntos da cidade”, explicaron.
Na moción, os populares instan ao Goberno Local a “mellorar de forma urxente os problemas de falta de presión de auga e os constantes cortes que están a sufrir todas as empresas, así como rematar a depuradora e poñer en servizo o aparcadoiro, sempre antes do remate do presente mandato”.
Os populares sinalan que son moitas as empresas que precisan, para o desenrolo da súa actividade, o correcto funcionamento da auga, e afirman que “unha rede de abastecemento da auga correcta é importante para calquera empresa, independentemente de que unhas precisen máis auga ca outras”.
Ademais, respecto á depuradora os populares lembran que “recentemente aprobouse no pleno unha nova prórroga do remate das obras por non ter previsto unha serie de execucións necesarias no proxecto de inicio, que agora é necesario facer. Esta demora dana gravemente os intereses das empresas”.
Ademais destes servizos básicos, o PP considera que facilitar o acceso é fundamenta, e piden reabrir o aparcamento, así como que se inste ao Ministerio de Transportes a colaborar na mellora dos accesos a este polígono industrial. “O acceso desde a Nacional 120 non está correctamente sinalizado, faltando iluminación e cun firme de acceso deteriorado polas continuas roturas de abastecemento da auga”, denuncian.