O PP de Monforte levará ao pleno o presunto incumprimento da Lei de Benestar Animal na xestión das colonias felinas

RibeiraSacraXa
O grupo municipal solicitará explicacións sobre o procedemento xudicial aberto pola xestión das colonias felinas e sobre as medidas previstas para regularizar a súa situación
Katy-Varela-Monforte
4 Sep 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos anunciou que no vindeiro pleno preguntará polo litixio xudicial que afecta actualmente ao Concello, relacionado cun presunto incumprimento da Lei de Benestar Animal, en concreto no referido á obriga de controlar e xestionar as colonias felinas do municipio.

Segundo explicou a voceira popular, os propios demandantes trasladaron ao grupo que, despois de presentar varios requirimentos ao Concello para que cumprise coas obrigas que marca a normativa de benestar animal —aprobada polo Goberno central— e non recibir unha resposta efectiva por parte da administración local, optaron por acudir á vía xudicial, un procedemento que se atopa actualmente en curso.

Desde o PP considérase que a situación resulta chamativa, ao tratarse dun novo litixio derivado de asuntos que, na súa opinión, se poderían resolver por outras vías antes de chegar aos tribunais. Desde o grupo popular apúntase que este tipo de procesos xudiciais xeran un desgaste para os servizos municipais e contribúen tamén á sobrecarga de traballo da administración de xustiza.

Coa fin de coñecer de primeira man a situación, os concelleiros populares desprazáronse ata unha das colonias felinas do municipio, situada na rúa do Reboredo, que segundo indican tería sido obxecto de denuncias desde o ano 2025 sen que, ata a data, se adoptasen medidas efectivas para regularizala.

O PP lembra ademais que o Concello destinou no seu momento preto de 150.000 euros á construción dun canil municipal, un investimento que, ao seu xuízo, contrasta coa situación descrita en relación co cumprimento das obrigas que a propia Lei de Benestar Animal establece respecto dos animais abandonados e das colonias felinas.

Por todo iso, o Grupo Municipal Popular solicitará no pleno explicacións ao goberno local sobre o estado no que se atopa este procedemento xudicial, as actuacións levadas a cabo ata o momento e as medidas que se prevén adoptar para garantir o cumprimento da normativa vixente e evitar que se repitan situacións similares no futuro.

0.16976499557495