O PP de Monforte felicita a Tomé polo novo aparcadoiro no polígono industrial

RibeiraSacraXa
“Nós felicitámolo por solicitar esta axuda xa que sempre estaremos a favor de todo investimento que se realice no municipio", din
Katy-Varela-PP-Monforte
Katy-Varela-PP-Monforte
20 Xuño 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte felicitan a Tomé “por solicitar por fin” unha subvención da Xunta de Galicia grazas a cal a cidade contará cun novo aparcadoiro no polígono industrial. O concelleiro José Luis Rodríguez explica que o goberno autonómico aportará máis do 40 % dos fondos totais e que este aparcamento ocupará unha superficie de 6.400m2 e contará con 64 prazas para camións, 34 para vehículos, 4 puntos de recarga para coches eléctricos e dúas prazas para persoas con mobilidade reducida.

“Nós felicitámolo por solicitar esta axuda xa que sempre estaremos a favor de todo investimento que se realice no municipio, polo que agardamos que sirva para que o alcalde teña un cambio de tendencia e pida máis axudas que a Xunta pon a disposición dos concellos, algo que ata agora non facía”, destacou. Pola súa banda, a voceira popular, Katy Varela explica que a Xunta de Galicia colabora con todos os concellos de Galicia, independentemente da cor política que o goberne.

De feito, no último mandato, dende o goberno galego investiron unha media de 8 millóns de euros por ano en Monforte, o que se traduce nuns 36 millóns de euros aproximadamente nos catro anos. Neste senso, Katy Varela agarda “un cambio de tendencia” en Tomé e que comece a solicitar as subvencións que a Xunta pon a disposición dos concellos xa que “servirán para que Monforte medre e mellore e, seguramente, para asentar poboación en lugar de seguir perdéndoa”.

Por iso, recorda que o rexedor evitou solicitar as axudas para mellora das instalacións eléctricas “o cal demostra que só lle interesa o asfalto, a maquillaxe e non o desenvolvemento real do polígono e de Monforte”. “Estamos completamente seguros de que se as solicitara a Xunta as tería concedido polo que Tomé e o PSOE son os responsables de que o municipio non medre economicamente”, sinalou.

0.19262504577637