O PP de Monforte critica o proxecto da futura praia fluvial de Ribasaltas

RibeiraSacraXa
“De nada vale ter unha cafetería, area e un aparcadoiro para miles de persoas se o elemento principal, que é a auga, supón un risco para a saúde”, afirman desde o PP
Katy-Varela-Monforte-de-Lemos
29 May 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte critican o proxecto da praia fluvial de Ribasaltas, unha promesa electoral valorada en cinco millóns de euros e que consideran “preocupante” ao non contar a zona con autorización sanitaria.

As augas, lembran, non son aptas para o baño, polo que consideran que a situación é “inadmisible” tras afirmar o alcalde que no proxecto “se fala da praia fluvial, pódese facer igual a dotación aínda que non estea autorizada a zona de baño, xa que funcionaría como área recreativa e que cada un que se bañe se quere”

“É incrible e de unha gravidade extrema que o goberno local estea disposto a dilapidar cinco millóns de euros de diñeiro público nunha dotación onde a xente non se pode bañar de forma segura”, critica a voceira popular, Katy Varela, que denuncia que “de nada vale ter unha cafetería, area e un aparcadoiro para miles de persoas se o elemento principal, que é a auga, supón un risco para a saúde”.

Dende o Grupo Municipal Popular lembran que o problema de saneamento que arrastra Monforte é “un segredo a voces” e acusan o alcalde de “non facer absolutamente nada por solucionalo nestes anos”.

A prioridade absoluta, din, debería ser dotar a Monforte duns ríos limpos e duns espazos con augas aptas e garantidas, e solicitan ao Goberno municipal “non hipotecar o futuro dos monfortinos” cun gasto de cinco millóns de euros nunha infraestrutura que, explican, “nace inservible pola súa propia inacción ambiental”.

0.13075399398804