O PP de Monforte chama aos veciños a sumarse á concentración de apoio a Ceuta este mércores

O Partido Popular de Monforte de Lemos fai un chamamento aos veciños e veciñas da cidade para que se sumen á concentración de apoio a Ceuta convocada pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para o vindeiro mércores 2 de setembro diante dos concellos de toda España.
A portavoz do partido, Katy Varela, sinalou que a cidade autónoma atravesa unha situación límite dende que, hai xa un mes, se produciu a chegada masiva de miles de persoas procedentes do outro lado da fronteira marroquí, sen que o Goberno central puxese en marcha medidas para afrontar o problema.
Dende a formación popular consideran que o ocorrido supón un asalto ás fronteiras españolas e que non debería confundirse cunha crise migratoria nin cun éxodo de persoas refuxiadas que foxen dun conflito bélico en busca de protección internacional.
A portavoz quixo diferenciarse da postura do BNG, que decidiu non participar na concentración para evitar a confrontación. Varela defendeu que non se trata dun xesto de enfrontamento nin ten connotacións racistas, senón que responde a unha cuestión de control e estabilidade, e de apoio a unha cidade española que vive unha situación grave, con miles de persoas nas súas rúas sen ningún tipo de control.
A presidenta local e portavoz do PP insistiu en que se trata dun asunto que debería quedar á marxe da política partidista e contar co respaldo de todos sen fisuras, polo que convidou ao conxunto da veciñanza monfortina a participar na concentración de solidariedade con Ceuta dende o respecto.
Por último, Varela criticou ao PSOE por, ao seu xuízo, situar a defensa de Pedro Sánchez por riba da dos cidadáns españois, e tamén ao BNG, polo seu papel como socio do Goberno central.