O PP de Monforte chama a reforzar o traballo interno ante un novo curso político no que busca presentarse como alternativa

O Partido Popular de Monforte de Lemos celebrou unha reunión de traballo con afiliados e simpatizantes da formación coa vista posta no novo curso político e coa intención de reactivar as bases do partido. O encontro estivo presidido pola presidenta local, Katy Varela, e contou coa participación do vicepresidente do PP da provincia e deputado nacional, o monfortino Francisco Conde.
A xuntanza serviu para analizar o actual escenario político, que os populares consideran marcado polos casos de corrupción vinculados ao Goberno de Pedro Sánchez e pola situación do alcalde de Monforte, José Tomé, ao que a formación fai referencia polas acusacións de presunto acoso sexual polas que, segundo o PP, está investigado pola Fiscalía.
De cara aos próximos meses, Katy Varela destacou que se presenta un período de “traballo” pero tamén de expectativas electorais. A presidenta local afirmou que “nos agarda un curso político cargado de traballo; pero tamén un ano ilusionante: entre todos podemos conseguir o necesario cambio tanto a nivel nacional coma local da man do proxecto do Partido Popular”.
Durante a reunión, os populares estableceron un paralelismo entre a situación política de Pedro Sánchez e a de José Tomé, ao considerar que ambos “se dedican a resistir e, contra toda lóxica, néganse a abandonar os seus cargos”.
Francisco Conde analizou os asuntos relacionados co Executivo central e sinalou que os casos de corrupción que, segundo indicou, afectan ao presidente do Goberno e ao seu equipo derivan nunha “situación insólita” no Estado. Neste sentido, o deputado nacional asegurou que “o Goberno non conta co apoio dunha maioría sólida no Congreso dos Deputados”, ao tempo que criticou que leven anos sen aprobarse os Orzamentos Xerais do Estado e que exista un bloqueo da actividade parlamentaria.
Pola súa banda, Katy Varela referiuse á situación municipal e afirmou que “Tomé segue ao fronte do Concello de Monforte apoiado polos concelleiros socialistas a pesar de que o PSOE conta cos votos do Partido Popular para elixir outro alcalde socialista na cidade e apartar así a José Tomé, actualmente investigado pola Fiscalía por presunto acoso sexual”.
A presidenta local do PP concluíu a reunión apelando ao traballo conxunto da organización para presentarse como unha alternativa política. “Temos que traballar todos xuntos para evidenciar que o Partido Popular é a alternativa que es merece tanto o noso país coma a cidade de Monforte”, sinalou.