O PP de Lugo reclama ao Goberno recuperar o tren hotel entre Galicia e Barcelona

Os senadores do PP de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano reclaman ao Goberno central que estude a recuperación do servizo ferroviario nocturno entre Galicia e Barcelona, coñecido como tren hotel, que incluía unha parada en Monforte de Lemos e deixou de funcionar en 2020.
Os representantes populares formularon preguntas por escrito no Senado para coñecer os motivos polos que esta conexión non foi restablecida seis anos despois da súa supresión. Segundo explican, a desaparición do servizo reduciu as alternativas ferroviarias para os desprazamentos de longa distancia desde a provincia de Lugo.
Na resposta remitida polo Goberno central, o Executivo sinala que o tren hotel formaba parte dos servizos comerciais de Renfe, polo que debía funcionar con criterios de viabilidade económica e rendibilidade e sen financiamento público. Segundo esa explicación, estes servizos xa rexistraban antes da pandemia resultados comerciais insuficientes, con niveis de demanda e rendibilidade que non xustificaban o seu mantemento.
O Goberno indica tamén que o servizo nocturno entre Galicia e Barcelona deixou de formar parte da oferta comercial de Renfe e que a supresión dos tren hotel se produciu de maneira xeneralizada na rede ferroviaria española.
Os senadores do PP consideran que esta resposta non debería impedir que se analicen alternativas para recuperar a conexión. A formación defende que o servizo ofrecía unha opción para realizar durante a noite viaxes de longa distancia e que a súa desaparición limita as posibilidades de transporte para os usuarios da provincia, especialmente no sur de Lugo.
Barreiro, Balseiro e Serrano reclaman que o Goberno e Renfe estuden as posibilidades de restablecer esta conexión e teñan en conta, segundo sinalan, as necesidades de comunicación ferroviaria de Galicia e da provincia de Lugo.
Os senadores populares aseguran que manterán a reivindicación para recuperar o tren hotel entre Galicia e Barcelona, con parada en Monforte de Lemos, como alternativa ferroviaria nocturna para os desprazamentos de longa distancia.