O PP de Lugo esixe un calendario para arranxar a LU-P-4707 na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Os populares denuncian o mal estado da estrada provincial e reclaman á Deputación unha intervención urxente na vía
LU-P-4707-brolllon
15 Jun 2026

O Partido Popular de Lugo sumouse ás reclamacións veciñais para demandar unha actuación inmediata na estrada provincial LU-P-4707 ao seu paso pola Pobra do Brollón, que cualifican de “intransitable” polo seu estado de deterioro.

Os populares consideran que a vía presenta importantes deficiencias, con fochancas, grava e pedras que dificultan a circulación e, segundo sinalan, teñen provocado danos nos vehículos dos usuarios que a empregan a diario. Por este motivo, reclaman ao goberno provincial de PSOE e BNG que fixe “unha data concreta” para o inicio das obras de arranxo da totalidade do trazado.

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, criticou a falta de actuacións de mantemento e asegurou que a situación da estrada empeorou co paso do tempo, a pesar das queixas reiteradas dos veciños e das peticións realizadas pola formación política. Tamén anunciou que o grupo levará esta cuestión ao próximo pleno da Deputación mediante iniciativas e preguntas sobre o proxecto de reparación.

Pola súa banda, o portavoz do PP local, Teddy López, cuestionou as xestións realizadas polo goberno municipal ante a Deputación para reclamar melloras nas vías provinciais do municipio.

Os populares sinalan ademais que a situación afecta a varios núcleos do concello e insisten en que é necesario garantir o acceso en condicións seguras ás vivendas da zona, polo que piden unha intervención urxente e integral na estrada.

0.12801003456116