O PP critica que a residencia de maiores de Folgoso do Courel segue sen construirse tras expirar o prazo previsto

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, criticou o incumprimento, por parte do Goberno da Deputación de Lugo, do compromiso adquirido para construír unha residencia e centro de atención a maiores en Folgoso do Courel. O popular sinala que o prazo establecido para executar e entregar as obras rematou o pasado mes de xullo sen que se chegase a iniciar o procedemento de contratación.
Ameijide considera que esta situación supón deixar sen a dotación comprometida aos veciños e veciñas do municipio, pese a que, segundo defende, o Concello cumpriu cos trámites que lle correspondían. O portavoz provincial lembra que os terreos que foran cedidos á Deputación para desenvolver o proxecto xa reverteron ao Concello, ao non terse cumprido a finalidade prevista no convenio asinado en 2018.
Segundo explica o PP, aquel acordo contemplaba un investimento de 1,4 millóns de euros, dos que 1,2 millóns correspondían á Deputación e 200.000 euros ao Concello. O organismo provincial debía encargarse, entre outras cuestións, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos necesarios para executar as obras, mentres que o Concello debía achegar os terreos.
Ameijide destaca que o Concello puxo á disposición da Deputación os terreos en 2019 e concedeu a licenza municipal para a construción da residencia e do centro de atención a maiores en xaneiro de 2022. O popular sinala que esta licenza foi outorgada despois de que a Deputación corrixise o proxecto inicial, ao que atribúe numerosas deficiencias.
“Mentres a alcaldesa e o goberno local puxeron todo o que estaba nas súas mans, poñendo a disposición da Deputación de Lugo os terreos no 2019 e concedendo a licenza municipal a comezos do 2022 -no menor prazo posible despois de que o goberno provincial corrixira o proxecto presentado inicialmente con numerosas deficiencias-; o goberno provincial de PSOE e BNG paralizou o procedemento -chegando incluso a non responder á alcaldesa- deixando aos veciños sen unha dotación demandada e para a que había un acordo formal asinado. Pero aínda así, incumpriron”, subliña Ameijide.
O portavoz provincial do PP sostén que, coa recuperación dos terreos, o Concello dispón agora da posibilidade de buscar novas vías para aproveitar o inmoble e prestar servizos á veciñanza. Ao mesmo tempo, agarda que o Goberno local poida reactivar o proxecto da residencia.
Ameijide lembra que o Grupo Provincial Popular reclamou en diferentes ocasións a construción da residencia e pediu explicacións pola demora na tramitación. A última destas iniciativas produciuse no Pleno da Deputación de xaneiro de 2026, cando, segundo o PP, faltaban poucos meses para que rematase o prazo legal e aínda non se iniciaran os trámites para executar as obras.
O popular tamén se refire a unha iniciativa presentada polo PP en abril de 2025 para instar á Deputación a impulsar o proxecto, que foi rexeitada polos grupos que gobernan a institución provincial.
O portavoz provincial popular acusa ademais o PSOE e o BNG de actuar con “sectarismo” na xestión dos proxectos destinados a crear residencias de maiores nos concellos da provincia. Na súa opinión, as decisións da Deputación estarían condicionadas pola cor política dos gobernos municipais e non polas necesidades dos veciños.
“O sectarismo político é a única explicación para que o goberno da Deputación tivera o proxecto da residencia de Folgoso do Courel paralizado porque noutros municipios con alcaldes do PSOE si se avanzou nos procedemento, a pesar de que a tramitación ía moito máis atrasada”, afirma.
Neste sentido, Ameijide reclama “igualdade de trato para todos os municipios e todos os lucenses” e pide que se produzan avances efectivos nos compromisos adquiridos para a construción de residencias de maiores na provincia.
As negociacións entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación para impulsar a residencia comezaron en 2015. O convenio interadministrativo asinouse en 2018 e posteriormente foi prorrogado en dúas ocasións.
A primeira prórroga foi solicitada en decembro de 2019 e ampliou a vixencia do convenio ata finais de 2021. En xuño de 2020, a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación, José Tomé, para abordar, entre outros asuntos, a evolución do proxecto. Segundo lembra o PP, naquela reunión o presidente provincial manifestou o seu compromiso coa continuidade da tramitación.
A finais de 2021 asinouse unha segunda addenda de prórroga, que fixou xullo de 2026 como data límite para a construción da residencia. Finalmente, o 13 de xaneiro de 2022, o Concello de Folgoso do Courel concedeu a licenza municipal para executar a residencia e o centro de atención a maiores.