O PP critica o ancho da estrada provincial LU-P-0901 que une Monforte con Bóveda

RibeiraSacraXa
Esta estrada conta cunha elevada densidade de circulación, xa que ademais de unir Monforte con Bóveda tamén é empregada por moitos veciños
LU-P-0901-Monforte
LU-P-0901-Monforte
2 Xul 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto aos concelleiros populares en Monforte, Katy Varela e José Luis Rodríguez, comprobaron ‘in situ’ como o ancho da estrada provincial LU-P-0901 non chega aos catro metros (3,70 metros) despois das obras de conservación realizadas nesta vía.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “pese a que o reasfaltado era moi necesario” non é menos certo que “urxe unha actuación integral nesta estrada, aumentando o ancho da vía xa que conta cunha anchura de 3,70 metros, o que fai imposible que se crucen dous vehículos”.

Esta estrada conta cunha elevada densidade de circulación, xa que ademais de unir Monforte con Bóveda tamén é empregada por moitos veciños das parroquias da contorna e chega ata o Pazo de Tor.

“O goberno provincial debería de realizar as obras cunha visión máis ampla” porque, “pese a que é moi importante renovar o asfalto naqueles puntos nos que está moi deteriorado, non é menos importante garantir un ancho de vía axeitado en aras a mellorar a seguridade viaria”, sinalou, xa que “é preciso permitir que pasen dous coches ao mesmo tempo”.

Dende o Grupo Popular explican que o habitual é que un vehículo teña aproximadamente 1,8 metros de ancho, o que certifica que dous vehículos teñen moi complicado cruzarse. “Pero que pasará cando coincidas dous tractores ou algún vehículo agrícola con algún dos camións que dá servizo ás explotacións e casas das parroquias?”, preguntan.

0.18170309066772