O Pereiro de Aguiar convoca o VI Concurso de Debuxos 25N contra a violencia de xénero

O Centro de Información á Muller (CIM) Padre Feijóo de O Pereiro de Aguiar puxo en marcha o VI Concurso de Debuxos 25N, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro. A iniciativa busca que o alumnado e a xente nova do concello poñan en práctica a súa imaxinación e creatividade para reflexionar sobre esta problemática social.
A través dun debuxo relacionado coa loita contra a violencia machista, o concurso pretende contribuír á prevención e á concienciación sobre esta realidade, ademais de servir como vía para que as distintas xeracións expresen de forma activa o seu rexeitamento cara a calquera tipo de violencia de xénero.
A participación consiste na elaboración dun debuxo, unha viñeta ou un eslogan que transmita ese rexeitamento a toda manifestación de violencia machista. As bases completas da convocatoria están dispoñibles na páxina web do Concello.
O concurso divídese en dúas categorías: unha para o alumnado de primaria, de 1º a 6º curso, e outra para o de secundaria, de 1º a 4º curso. Os traballos premiados terán como recoñecemento servir de ilustración para os carteis conmemorativos do 25N.
O prazo para presentar os traballos remata o 13 de novembro. As propostas deberán entregarse nas oficinas do CIM Padre Feijóo, situadas na Praza do Concello, número 1, en horario de luns a venres, de 09.00 a 15.00 horas.
Para calquera consulta, a organización habilitou o correo electrónico asesoriaxuridica.cim@pereiro.gal e os teléfonos 699 583 252 e 988 032 554. A actividade está organizada polo Concello de O Pereiro de Aguiar a través do CIM Padre Feijóo.