O Pereiro de Aguiar acollerá unha xornada sobre lonxevidade saudable e prevención da fraxilidade

O Pereiro de Aguiar acollerá o vindeiro xoves 15 de outubro unha xornada dedicada á lonxevidade saudable e á prevención da fraxilidade. A actividade desenvolverase a partir das 16.00 horas no Auditorio dos Gozos baixo o título ‘Claves para conseguir unha lonxevidade saudable: unha mirada dende o territorio’.
Durante o encontro, especialistas abordarán diferentes aspectos relacionados co envellecemento saudable, entre eles a soidade e a influencia da contorna na calidade de vida das persoas. A proposta busca afondar nos factores que contribúen a un envellecemento con mellores condicións de saúde e benestar.
A xornada está organizada por IBERLONGEVA, a Universidade de Vigo e o CENIE. Para asistir é necesario realizar unha inscrición previa obrigatoria, cuxa información está dispoñible na páxina web do Concello do Pereiro de Aguiar.