O paseo fluvial do río Asma en Chantada reabrirá ao público o venres tras as obras de emerxencia

RibeiraSacraXa
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil rematou as obras declaradas de emerxencia polo Consello de Ministros para reparar os desperfectos causados polas borrascas do pasado inverno, cun investimento de 463.000 euros
miradoiro-de-sernande-chantada
20 Aug 2026

O paseo fluvial do río Asma, ao seu paso por Chantada, volverá estar accesible para a veciñanza a partir do vindeiro venres, 21 de agosto, unha vez rematados os traballos de reparación postos en marcha tras os danos provocados polos temporais do inverno pasado. A actuación, declarada de emerxencia polo Consello de Ministros, foi executada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

Os desperfectos orixináronse durante a última semana de xaneiro de 2026, cando o paso dunha das sucesivas borrascas que azoutaron Galicia a comezos de ano causou danos importantes na zona do paseo e no encauzamento do río Asma, preto das piscinas municipais do concello lucense. Aquelas afeccións repercutiron tamén en varios servizos públicos da localidade.

Ante o risco que supoñía o mal estado da zona, aprobouse a declaración de emerxencia para acometer a súa reparación, cun orzamento de 463.000 euros. As obras incluíron a renovación das infraestruturas públicas danadas —principalmente a rede de saneamento, a máis prexudicada—, a reposición de pavimentos, o saneamento e recheo do trasdós do muro de encauzamento, a reconstrución do treito de paseo afectado e a remodelación do treito final da rúa Serra do Faro.

Segundo explicou Quiroga, a apertura está prevista para o venres 21 de agosto, coa excepción do treito correspondente á rúa Serra do Faro, que quedará pendente de que o Concello de Chantada complete os seus propios traballos, entre eles o aglomerado e a pintura do pavimento.

Estas intervencións enmárcanse como un paso previo á primeira fase do saneamento integral de Chantada, cuxo inicio está previsto para o vindeiro ano. Actualmente xa se tramita o proceso de expropiacións necesario na zona comprendida entre Zaquín e as piscinas municipais.

0.15083003044128