O obradoiro dual de emprego Sillor XII formará a 20 persoas en Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
A Xunta inviste 459.000 euros neste taller que inclúe formación e obras en espazos públicos durante nove meses
obradoiro-dual-sillor-quiroga-folgoso-ribas-de-sil
22 Jun 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 459.000 euros ao obradoiro dual de emprego Sillor XII, unha iniciativa que xa está en marcha nos concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga e que permitirá formar a 20 persoas desempregadas.

O programa está orientado a especialidades vinculadas ao sector da construción. En concreto, seis participantes formaranse en “Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización”, mentres que o resto do alumnado recibirá formación en “Pavimentos e albanelería de urbanización”.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe ás persoas participantes e salientou que este tipo de iniciativas ofrecen oportunidades laborais nun sector que conta cunha elevada demanda de man de obra.

O alumnado está contratado durante un período de nove meses, no que combina formación teórica e práctica mentres realiza actuacións en espazos e bens públicos de interese social nos tres municipios.

No caso de Folgoso do Courel, están previstas actuacións como o acondicionamento das antigas escolas de Ferreirós de Arriba e Miraz, a rehabilitación do lavadoiro de Mercurín, a instalación da rede de rego na área recreativa de Mogoxe, a construción de beirarrúas no núcleo de Folgoso e a pavimentación de rúas en Vilela, Visuña e A Teixeira.

En Quiroga, o obradoiro inclúe a mellora e acondicionamento do centro de día, a reparación da beirarrúa da estrada LU-623 e actuacións de accesibilidade en Rúa Real, Río Lor e Pereiro.

Pola súa banda, en Ribas de Sil levaranse a cabo a reforma do pavimento da Praza de Figueiredo, a ampliación da rede de abastecemento de auga, a mellora dos lavadoiros de San Román (San Clodio) e A Ventosa (Torbeo), o pintado de paramentos interiores do CEIP de San Clodio e a posta en valor dos mananciais de As Fontes.

Alfonso Villares explicou ademais que na primeira quincena do mes se puxeron en marcha 16 obradoiros duais de emprego na provincia, e que está aberta unha nova convocatoria de axudas cun orzamento de 8,2 millóns de euros para o período 2026-2027. O prazo de solicitude permanece aberto ata o vindeiro 26 de xuño.

0.13362598419189