O novo Museo de Arte Sacra reforza a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO

RibeiraSacraXa
“A apertura deste centro cultural aporta aínda máis valor ao territorio, que co traballo de todos os axentes implicados esperamos que acade esta declaración en 2026”
Museo do Arte Sacro, Castro Caldelas
Museo do Arte Sacro, Castro Caldelas
28 Nov 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, destacou a importancia do patrimonio relixioso que alberga a Ribeira Sacra e puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia na súa protección a través de diferentes intervencións. Así o salientou hoxe na inauguración, en Castro Caldelas, do novo Museo de Arte Sacra na igrexa de Santa Isabel de Cimadevila.

No marco deste acto, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu en que “a apertura deste centro cultural aporta aínda máis valor ao territorio, que co traballo de todos os axentes implicados esperamos que acade esta declaración en 2026”.

Neste senso, fixo fincapé no compromiso do Goberno autonómico coa salvagarda do patrimonio desta zona e gabou a implicación activa dos concellos, as institucións, os axentes sociais e a veciñanza na protección deste territorio. “Estamos ante un ilusionante reto para o que precisamos escoitar, recoller e acadar a implicación de todos”. Para isto apuntou que se levaron a cabo reunións informativas por toda a comarca e un congreso internacional con expertos de todo o mundo.

Ao respecto, Mª del Carmen Martínez lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra no ano 2017 co obxectivo de conseguir o máximo recoñecemento por parte da Unesco. Deste xeito, o proceso continuará coa achega da versión definitiva do expediente antes do 1 de febreiro de 2025. Tal e como indicou, trátase dun dos pasos fundamentais para que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico que se celebrará en 2026.

0.13205504417419