O metal de Lugo anuncia mobilizacións se non hai avances nas negociacións dos convenios

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os sindicato afirman que despois de sete reunións, a patronal só trasladou unha proposta en materia salarial moi afastada das demandas sociais e sen entrar noutras cuestións
asamblea-convenio-metal-lugo
18 Sep 2026

As asembleas de persoas traballadoras do siderometal e do comercio do metal que se realizaron estes días nas principais vilas da provincia de Lugo manifestaron de xeito unánime a vontade de iniciar mobilizacións se na próxima reunión coa patronal non se producen avances reais na negociación colectiva.

As negociacións para renovar o convenio de siderometal e de comercio do metal (que en Lugo se negocian de maneira conxunta) comezaron no mes de febreiro, mais estanse desenvolvendo cunha lentitude premeditada por parte da patronal que buscar prolongar o proceso indefinidamente. “Nas sete reunións que tiveron lugar, a patronal só fixo unha oferta en materia económica, moi afastada das demandas sociais, e sen querer entrar a valorar outras cuestións como xornada, a mellora das coberturas nas situacións de IT ou as licencias”, critican dende as centrais sindicais.

Nas asembleas feitas en Monforte, Vilalba, Viveiro, Lugo e Burela, o persoal apostou de xeito unánime polo conflito para enfrontar esta parálise que se produce nun momento, ademais, no que afonda o empobrecemento pola carestía da vida e no que cada día se afasta máis o obxectivo de recortar as diferenzas coas mellores condicións que teñen os compañeiros e compañeiras doutras provincias como a da Coruña.

Neste senso, Carlos García, de UGT Industria salientou que “UGT prefire un acordo sen mobilización que garanta o poder adquisitivo das persoas traballadoras e non desequilibre máis os salarios entre provincias limítrofes, que un acordo con mobilizacións que crispe a paz social para chegar ao mesmo fin. Esperemos que este día 25 a patronal traia unha proposta en condicións aceptábeis”.

Pola súa parte, José Luis Álvarez, de CCOO Industria, afirmou que “dende CCOO, valoramos moi positivamente a resposta do persoal do metal, coa masiva afluencia ás asembleas, especialmente a de onte en Lugo, onde houbo un cheo total e un apoio unánime, a que se na próxima xuntanza do día 25 a patronal non acepta o que temos enriba da mesa convoquemos todas as medidas de presión de inmediato. Polo cal, ao mesmo tempo, solicitamos da patronal que estea a altura das circunstancias e evite un conflito provocado por egoísmo empresarial”.

Por iso, seguindo o exemplo do resto do sector a nivel galego, onde se produciron sendas folgas en cada unha das provincias e co convencemento de que só a través da loita se poderán lograr convenios con dereitos e que garantan o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, as traballadoras e traballadores trasladaron aos sindicatos un mandato claro: ou a patronal presenta unha proposta seria na reunión do día 25 que permita avanzar na negociación, ou o seguinte paso será a posta en marcha dun calendario de mobilizacións, na perspectiva dunha convocatoria de folga sectorial.

A este respecto, Afonso Losada da CIG Industria explica que a proposta da patronal “non é nin minimamente valorábel”, por canto formula un convenio a catro anos (2026-22029) cun incremento acumulado do 12%, o que significará unha suba do 3% por cada ano, cunha cláusula de revisión a final de vixencia sen carácter retroactivo e topada ao 14%. “Por iso, trouxemos ás asembleas a necesidade de valorar un escenario mobilizador para darlle un impulso ao convenio e, a resposta foi clara e contundente: ou hai avances salientábeis ou imos á mobilización, porque queda claro que sen mobilización non hai avances. O outono pode ser quente no sector”, advirte.

A parte social, que leva á mesa unha plataforma unitaria, reivindica subas do 7% por cada ano de vixencia e unha cláusula revisión anual conforme ao IPC máis 1 punto, para garantir así uns salarios que permitan unha vida digna e que se manteña a capacidade adquisitiva. Xunto á mellora económica, o persoal reclama reducir a xornada laboral un día por ano a partir de 2027; ampliar a cobertura nas baixas médicas; mellorar as licencias; melloras na prevención e seguridade; ou medidas para combater a precariedade laboral que se está a instalar no sector.

Dende os tres sindicatos afirman que este non é un sector en crise, senón que ten plena actividade e un medre constate nos beneficios empresariais, “polo que as nosas demandas son perfectamente asumíbeis”. “Non renunciamos á negociación, agardamos que o 25 se dean pasos claros para evitar o conflito, mais o sector está en movemento e quere respostas” conclúen.

0.1498658657074