O IES A Pinguela rende homenaxe a Enrique Sampil con motivo da súa xubilación

O IES A Pinguela celebrou un emotivo acto de homenaxe a Enrique Sampil con motivo da súa xubilación, unha cita marcada polas sorpresas e as mostras de cariño cara a quen foi profesor da familia de Administrativo desde a apertura do centro, no ano 1983, e director durante os últimos 26 anos.
Durante o encontro, compañeiros, alumnado e persoas vinculadas ao instituto quixeron recoñecer a traxectoria profesional e humana de Sampil, que desenvolveu a maior parte da súa carreira docente no centro monfortino e estivo á fronte da súa dirección durante máis de dúas décadas.
No transcurso do acto, o homenaxeado agradeceu as mostras de afecto e recoñecemento recibidas e tivo palabras de gratitude para toda a comunidade educativa. Enrique Sampil destacou especialmente ao alumnado, ao que asegurou que estiveron dirixidos, de forma directa ou indirecta, os esforzos realizados ao longo dos anos desde o instituto.
Tamén expresou o seu agradecemento aos responsables das políticas educativas da Xunta de Galicia e ao persoal docente e non docente que formou parte dos diferentes equipos directivos cos que traballou ao longo da súa etapa profesional. Segundo sinalou, o obxectivo común foi sempre abrir oportunidades aos estudantes e contribuír á súa formación para que puidesen afrontar o futuro con máis coñecementos e maiores posibilidades.
Sampil destacou ademais o traballo realizado para mellorar o centro educativo ao longo destas décadas e para consolidalo como un espazo de referencia para a formación do alumnado.
A homenaxe concluíu cun xantar de confraternidade no que os asistentes puideron compartir recordos e desexarlle unha feliz nova etapa persoal tras a súa retirada da actividade docente.
Co inicio do próximo curso escolar, o IES A Pinguela contará cun novo equipo directivo, ao que desde o centro trasladaron os seus parabéns e bos desexos para continuar traballando na mellora do instituto e na formación das futuras xeracións.