O Hospital Público de Monforte de Lemos celebra o seu 40 aniversario

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Durante o acto conmemorativo, o Sergas quixo recoñecer aos 11 profesionais que levan traballado no hospital monfortino desde a súa apertura en 1986
40-aniversario-hospital-de-monforte
6 May 2026

O Hospital Público de Monforte de Lemos celebrou este mércores un acto conmemorativo polo seu 40 aniversario, poñendo o foco nos profesionais sanitarios que fan posible a súa actividade. En concreto, o evento incluíu unha homenaxe aos dez directores que estiveron á fronte do centro desde 1986, así como aos 11 traballadores que desenvolveron a súa traxectoria no hospital desde a súa apertura.

Durante a xornada destacouse o papel do hospital como peza clave da sanidade pública no sur da provincia de Lugo, garantindo unha atención especializada de proximidade e contribuíndo á cohesión territorial. Ao mesmo tempo, o centro consolidouse como un motor fundamental do tecido social e económico da comarca, con impacto directo na vida diaria de milleiros de persoas e na xeración de emprego.

Este 40 aniversario chega nun contexto de transformación e modernización do Hospital Público de Monforte de Lemos, que continúa a reforzar a súa capacidade asistencial, as súas infraestruturas e os seus servizos, consolidándose como un elemento esencial dentro do distrito sanitario sur e do conxunto da rede sanitaria pública galega.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, destacou durante o acto o papel dos traballadores e traballadoras que, segundo sinalou, “viran nacer este hospital e o foron construíndo, non con formigón e aceiro, senón con dedicación, coñecemento e presenza”, e puxo en valor que neste tipo de centros “aprendes que o médico que atende un paciente quizais o coñeza polo nome ou que a enfermeira que lle toma a tensión quizais foi á escola cos seus fillos”.

Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, subliñou o “fito” que supuxo a posta en marcha do hospital como punto de inflexión na atención sanitaria da localidade e de toda a comarca. “A creación deste hospital marcou un antes e un despois na vida de todos os monfortinos e monfortinas; quen o vimos nacer coñecemos moi ben a influencia que tivo no progreso e no crecemento da nosa cidade”, sinalou Tomé, quen tamén destacou o seu impacto na economía local, especialmente pola creación de emprego.

O rexedor trasladou ademais o seu agradecemento ao persoal sanitario, administrativo e de servizos que traballaron e traballan no centro, “xeracións enteiras de profesionais dedicados a velar pola nosa saúde e a coidarnos”.

0.12898206710815