O Hospital de Monforte acollerá un coloquio sobre os desafíos na atención primaria aos maiores

RibeiraSacraXa
A cita está organizada por Asomega e a sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia
hospital-monforte
Hospital de Monforte
6 Nov 2024

O salón de actos do Hospital de Monforte de Lemos acollerá o vindeiro venres 8 de novembro a partir das 18.00 horas o coloquio "Como cambiamos? Enfermidade, sanidade e saúde en maiores. Crónica desde a Atención Primaria", organizado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e patrocinado por Boehringer Ingelheim. Nel van coincidir todos os presidentes que tivo ata a data a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG).

Moderados por Inmaculada Ramos, directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos. Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, os presidentes da SEMG debaterán sobre os cambios e evolución dos desafíos asistenciais e sanitarios na atención aos maiores en Primaria, baixo unha perspectiva temporal (últimos 35 anos), rural, urbana e de xénero.
O obxectivo da cita é analizar a abordaxe desde a Atención Primaria das principais cuestións de saúde relacionadas cos maiores como cambios na atención médica (avances e retos terapéuticos), modelo de atención primaria, coordinación con outros niveis asistenciais, promoción da saúde e envellecemento activo.

Con esta sesión sobre saúde en maiores desde a perspectiva da Atención Primaria continúase o ciclo de actividades de Asomega Maiores que comezou coa sesión sobre novas tecnoloxías que se celebrou no Hospital de Lugo e a de Vigo sobre saúde mental.

0.12816500663757