O guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira será homenaxeado na Casa da Cultura de Monforte

RibeiraSacraXa
A homenaxe dá continuidade á celebrada en Celanova o pasado mes de xullo, coincidindo co 81º aniversario da morte de Yáñez Pereira
Casa-da-Cultura-Monforte
10 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidirá o vindeiro luns 11 de novembro ás 20.00 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, o acto de homenaxe ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira, asasinado polas forzas de represión franquista o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil (Celanova).

A homenaxe dá continuidade á celebrada en Celanova o pasado mes de xullo, coincidindo co 81º aniversario da morte de Yáñez Pereira. Neste senso, está organizada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O acto do vindeiro luns contará coa participación do alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o historiador Carlos Morais e o artista plástico Baldomero Moreiras.

O artista plástico Baldomero Moreiras fará una presentación do cartel que honra a memoria do guerrilleiro, e o historiador Carlos Morais, do Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, ofrecera unha conferencia sobre os resultados das súas investigacións sobre a figura de Ramón Yáñez, un dos xefes da guerrilla que operaba nos anos corenta na raia na área do Laboreiro.

Ramón Yáñez Pereira, coñecido como O Médico, é unha das 90 vítimas da represión durante a guerra e a ditadura que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten documentado o seu soterramento no cemiterio de San Breixo de Celanova.

0.17951679229736