O Goberno local de Monforte presenta as actividades que se celebrarán arredor do Día das Letras Galegas

RibeiraSacraXa
O equipo de Goberno de Monforte presenta o programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á escritora coruñesa Luisa Villalta.
30 Apr 2024

O equipo de Goberno de Monforte presenta o programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á escritora coruñesa Luisa Villalta.

O rexedor, José Tomé, destaca que “ideamos, a través da Concellería de Cultura, un completo programa de actividades que ten por obxectivo ofrecer ós monfortinos e monfortinas a riqueza da nosa oferta cultural a través do teatro, os espectáculos infantís, a música ou os roteiros para coñecer o noso patrimonio histórico. Por iso, animo a participar ós cidadáns nas actividades que programamos dende o 9 ao 17 de maio”.

O 9 de maio, ás 18.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a entrega de premios do XXXI certame municipal de teatro para centros ensino de Monforte 2024, no que participaron o IES A Pinguela, CPR Ferroviario, Colexio PP. Escolapios, CEIP A Gándara, CEE Infanta Elena, IES Río Cabe, CEIP Monforte, Prodeme e a ANPA do CEIP A Gándara, representando as súas obras na Casa da Cultura.

O 10 de maio, ás 20.15 horas o auditorio do Edificio Multiusos, terá lugar o Espectáculo infantil e familiar do Programa FalaRedes, chamado 'Indóciles', de Vero Rilo, a cargo da compañía Culturactiva Producións.

Dous días despois, o 12 de maio ás 18.00 horas, tamén no auditorio do Edificio Multiusos, representarase un novo Espectáculo infantil e familiar da Rede de Teatros e Auditorios, a cargo da compañía Baobab Teatro, con “Palabras”.

O luns 13 de maio, organizado dende a Biblioteca Pública municipal do Concello de Monforte, terá lugar un contacontos a cargo de Amimar-T, coa obra 'O Paxariño na miña xanela' ás 12.00 horas na Casa da Cultura, e dirixido a alumnos de primeiro de Primaria dos centros educativos da cidade.

O propio venres 17 de maio, a Casa da Cultura acollerá dende as 12.00 horas o Festival Letras Galegas 2024, coas actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e a Coral Polifónica do Concello de Monforte.

Do mesmo xeito, dende o Concello organízanse roteiros literarios por Monforte, durante os meses de maio e xuñi, para os cales os interesados deben concertalos coa Concellería de Cultura, en rúas e prazas da cidade, e que versan sobre os Condes de Lemos, Manuel María ou Lois Pereiro entre outros.

0.17105507850647